The Project Gutenberg eBook of Catecismo d'a Doutrina Labrega

This ebook is for the use of anyone anywhere in the United States and most other parts of the world at no cost and with almost no restrictions whatsoever. You may copy it, give it away or re-use it under the terms of the Project Gutenberg License included with this ebook or online at www.gutenberg.org. If you are not located in the United States, you will have to check the laws of the country where you are located before using this eBook.

Title: Catecismo d'a Doutrina Labrega

Author: Valentín Lamas Carvajal

Release date: May 22, 2007 [eBook #21564]

Language: Galician

Credits: Produced by Pedro Saborano. Para comentários à transcrição
visite http://pt-scriba.blogspot.com/ (produzido a partir
das imagens de obras em domínio público, disponibilizadas
pela Biblioteca Virtual Galega)

*** START OF THE PROJECT GUTENBERG EBOOK CATECISMO D'A DOUTRINA LABREGA ***



CATECISMO

D'A

DOUTRINA LABREGA

COMPOSTO POL-O
R. P. M. FR. MARCOS D'A PORTELA
DOUTOR EN TIOLOXÍA CAMPESTRE

1888
IMP. D'O ECO D'OURENSE
Rua d'Alba, 15
Portada

DECRARACION
D'A DOUTRINA LABREGA.

P.--¿Sondes labrego?

R.--Si, pol-a miña disgracia.

P.--Ese nome de labrego, ¿de quén o recibiche?

R.--D'o sacho que me fai callos n-as maus, d'a terra que rego c'o sudor d'a miña testa, d'as mouras fames que paso, d'o aire que brua n-as miñas faltriqueiras, d'a monteira que levo n-a chola, d'a coroza de palla que me libra d'a chuvia, d'as cirigolas d'estopa que me cobren de medio corpo abaixo, e d'outras cativeces entr'as que vivo aguniando.

P.--¿Qué quere decir labrego?

R.--Home acabadiño de traballos, caste de besta de carga n-a que tanguen á rabear os que gobernan, ser á quen fan pagar cédula como as persoas pra tratalo com'os cás, que leva faltriqueira n-o traxe por fantesia, boca n-a cara por bulra, que anda d'arrastro como as cobras, que fura n-a terra como as toupeiras, que traballa moito e come pouco, que á somellanza d'os burros d'arrieiro que levan o viño e beben a auga, precuran o trigo pra comer o millo, que anda langraneando por unha peseta sin poder nunca xuntala, e que ven á ser considerado pol-os seus somellantes como un ninguen que á todo chamar chámanlle Xan paisano.

P.--¿Qu'entendes por home de labranza?

R.--Unha caste de boi posto de pé, unha maquina de sacar cartiños d'a terra.

P.--¿Cal é a sinal d'o labrego?

R.--A probeza.

P.--¿Por qué?

R.--Porque n-ela vivimos e morremos.

P.--¿De cantas maneiras usa o labrego d'esta sinal?

R.--De duas.

P.--¿Cales son?

R.--Aunar ô traspaso e andar â mioca.

P.--¿Qué cousa é aunar ô traspaso?

R.--Unha cousa muy condanada que fai debecer as carnes, abrir a boca, ronronar as tripas e infrar o estómago de aire.

P.--¿Qué cousa é andar â mioca?

R.--Deitarse con apetencia y-erguerse con fame; sentir antoxos de comer pan e de beber viño, e non facer mais que comer o xenio e beber os ventos.

P.--Mostrade como.

R.--Meto por equivoco as maus n-as faltriqueiras e solasmente alcontro aire...; collo o saco d'o grau pra ir ô muino e non collo mais que lenzo; vou â casa d'os que teñen á pidir un peso emprestado e si non me dan co-a porta n-os fuciños, despáchanme con palabras de moito peso, pro non c'o peso qu'eu cobizo; vay o recaudador pra que lle pague os trabucos e non hacho mais que desculpas que lle dar.

P.--¿Por qué metedes as maus n-as faltriqueiras?

R.--Por non perder a costume qu'herdamos d'os nosos pâis que víviron mais acomodados.

P.--¿Por qué as levades â boca?

R.--Enganándonos, coidando que son pan pra ver si d'este xeito enganamos o estómago.

P.--¿Por qué as levades ô sacho?

R.--Porqu'en todo tempo e lugar os nosos gobernantes n-os piden as pagas d'os trabucos y-os señoríos as rendas.

P.--¿Cales son os vosos nemigos?

R.--Cóntanse por centos.

P.--¿Qué nemigos son esos?

R.--Á maores d'o mundo, d'o demo e d'a carne como teñen todal-as xentes, temos un fato d'eles: nove ministros en Madril, o Delegado d'a Facenda n-a provincia, o Adeministrador d'a Subalterna n-o partido, o Alcalde, os concexales y-o Sacretario n-o Concello, o cacique d'a parroquia, o veciño de porta con porta, a miseria n-a casa, os pedriscos n-os eidos, a fillosera n-os viñedos, o recaudador metido n-a cabeza, os trabucos e a contribucion territorial n-a cana d'os osos, a de consumos entalada n-as gorxas, a crência de que non hemos millorar de sorte n-o esprito, as falcatruas d'a curia enterradas hastr'o redaño, etc., etc., etc.

P.--¿Y-o traballo ten virtude contra eles?

R.--Non padre, nin esta.

P.--¿E por qué non?

R.--Porque non hay cartos que lle cheguen nin o traballo rende pra contentalos.

DIVISION
D'A DOUTRINA LABREGA

P.--Xa vimos como sodes labrego, como estades acabadiños pol-o nome e pola fame de labrego, mais decíndeme agora ¿Cantas cousas está obrigado á saber y-entender o labrego cando chega á ter uso de razon?

R.--Catro cousas.

P.--¿Cales son?

R.--Saber o que se deixa de comer, saber o que ten que traballar, esquecerse d'o que ten que pagar e non coidarse d'o que ten que recibir.

P.--¿Como saberá o que deixa de comer?

R.--Facendo recordo d'as larotas que se pasan n-a sua chouza; estabrecendo comparanzas entr'os manates de bandullo á xeito de bombo, mofretes infrados, rexos e ben mantidos que se pasean, y-entr'os labradores que andan pol-as carrilleiras e congostras como almas en pena, esvaidos, fracos, esfamiados, pensando n-o pan que non lles ven âs maus e n-os cartiños que fuxen d'eles como d'a queima; botándolle olladas degorantes ôs aparadores d'os almacés onde se vende xamon, salchichós, polos asados, perdices, dulces, conservas, queixos e outros manxares apetecentes; pensando n-as veces que pol-o dia adiante se ll'abre á un a boca e se lle vay o estómago xa canso de non dixerir mais que patacas cando as hay pra comelas en cachelos, e sin sal moitas veces pra seren gallegas enxebres sin gracia, pois maldito si gracia teñen nin xiquera ll'a fan ô estómago.

P.--¿Cómo saberá o que ten que traballar?

R.--Vendo que non hay un chavo nin unha cunca de fariña n-a chouza, que o recaudador non dorme, que hay que manter a muller y-ôs fillos, que os que gobernan non fan mais que pidir trabucos, que os que mandan queren ter sempre o comedeiro acugulado, que o persupuesto de gastos é un pozo sin fondo, e que o persupuesto d'ingresos non pasa de ser unha cesta que os estadistas se degoran por encher d'auga, que sin cartos non se pode dar un paso n-este mundo, nin hay xusticia, nin dereito, nin xiquera é un xente, que desque lle chaman á un volo n-o bautismo hastra niquitate n-o enterro, pasando pol-a confirmacion en que nos dan unha lufiada n-a cara, hastr'o matrimonio en que nos xunguen á unha muller pra facer unha xunta de boy e vaca que ha turrar pol-o carro d'a familia, temos que soltar os cartiños d'unha maneira ou d'outra, pois si non é por fás é por nefas.

P.--¿Cómo poderá esquecerse d'o que ten que pagar?

R.--¿Ponéndose bébedo, volvéndose louco, meténdose cen brazas debaixo de terra ou morrendo.

P.--¿Cómo non se coidará d'o que ten que recibir?

R.--Facéndose de conta que ten os osos de goma pra que non lle doan por moito que mallen n-eles, non pasándoselle nin pol-as mentes que ha de recibir cousa que sea de porveito nin que valla diñeiro, porque os labregos, de recibiren, fora d'o ben que lles veña recibindo á Dios, non reciben mais que xiringazos.

PRIMEIRA PARTE
EN QUE SE DECRARA O CREDO Y-OS ARTÍCOLOS.

P.--Escomenzando pol-o primeiro: ¿quén dixo o credo?

R.--Os Apóstoles.

P.--¿Pra qué?

R.--Pra qu'andemos de cote co-él n-a boca.

P.--¿E vos pra qu'o decides?

R.--Pra que Dios nos teña d'a sua mau, que boa falta nos fai.

P.--¿Qué cousa é fé?

R.--Creer o que non vimos.

P.--¿Vistes as moedas de cinco pesos?

R.--Non, padre.

P.--¿Y-os billetes de Banco de cen pesetas?

R.--Non, padre.

P.--¿E creendes n-eles?

R.--O qu'é creer, creemos.

P.--¿Por qué o creedes?

R.--Porque ouvimos falar d'eles ôs ricos; porque sabemos que os nosos cartiños vanse xuntando n-as faltriqueiras d'os zumezugas de todal-as castas, pra se convertir en moedas e billetes; porque dos deprocatamos de que â conta d'eles medran, trunfan e campan os que s'alcontran n-o poleiro.

P.--¿Qué cousas son as que creedes como labregos?

R.--Os artícolos, principalmente como se conteñen n-o credo.

P.--¿Pra que son os artícolos?

R.--Pra dar noticia d'os dioses d'a nosa aldea.

P.--¿Quén son esos dioses?

R.--O Alcalde noso señor, o Sacretario noso amo, y-o Cacique noso dono.

P.--¿Quén é o Alcalde noso señor?

R.--É a cousa mais condanada que se pode decir nin pensar: un señor infinitamente malo, burro, larpeiro, inxusto, prencipio de todal-as nosas disgracias e fin de todal-as nosas facendas.

P.--¿A condanadísima trinidá quen é?

R.--É o mesmo Alcalde, o mesmo Sacretario y-o mesmo Cacique, tres persoas distintas e unha sola calamidá verdadeira.

P.--¿O Alcalde é dios?

R.--E si señor.

P.--¿O Sacretario é dios?

R.--Ogallá non-o fora.

P.--¿O Cacique é dios?

R.--Así él adoecera com'o é.

P.--O Alcalde é o Sacretario?

R.--Non señor.

P.--O Sacretario é Alcalde?

R.--Às veces

P.--O cacique é Alcalde ou Sacretario?

R.--Si non-o é, como si o fora.

P.--¿Por qué?

R.--Porque si as persoas son distintas, vólvense unha sola cando se trata de mallar en nos, de zugarnos a sangue, ou d'espremernos a faltriqueira.

P.--E logo cántas naturezas, entendementos e voluntás hay n-eses dioses?

R.--Naturezas duas, unha de lobo e outra de porco; entendementos, ningun; voluntás, a d'o Gobernador, a d'o diputado, a d'o Xuez y-as suas malas voluntás.

P.--¿Como é dios o Alcalde?

R.--Mintindo unha infruencia que non ten, agarapiñando votos n-as urnias, sacándolle a monteira e facéndolle retesías ôs que mandan, asoballand'ôs que ten baixo de sí, recollend'os xamós d'as nosas chouzas e partíndoos c'os manates d'a vila, sacando cartos ôs quintos cando se tercia pra seren os promeiros en riqueza e os últemos n-o reparto de consumos, armándolle a gayola ôs que non son d'a sua corda, repartind'os destinos d'o Concello entr'a xente d'a familia, lobos d'a camada y-os que se deixan ver por adiantado, estrapexando n-a política com'os esgarabellos n-a bola, e facendo en fin cantas falcatruas se lle veñen ás mentes pra conservar o mandiño.

P.--¿Cómo é criador?

R.--Porque saca ôs diputados y-ôs rexidores d'a nada.

P.--¿Pra que criou Dios o labrego?

R.--Pra servir ô Alcalde e morrer de fame n-esta vida e si cadra vivir ardendo n-a outra.

P.--¿Ten o Alcalde figura corporal como nosoutros?

R.--Eso din, anque pra nosoutros é como si víramos ô demo.

P.--¿Quén é o Sacretario?

R.--É unha feitura d'o señor Alcalde, tan bó como él, e que se fixo Sacretario pra nos reventar e darnos mal exempro.

P.--¿Cantas naturezas, voluntás y entendementos hay n-o Sacretario?

R.--Naturezas, unha sola y-abonda; voluntás, a sua y-a de todol-os que ten por enriba, y-entendementos, s'algun ten, mais valera que non-o tivese.

P.--¿E cantas persoas e memorias?

R.--Unha sola persoa con moitas caras, e memoria a bastante pr'acordarse d'o que lle ten conta.

P.--¿Qué quere dicir Sacretario?

R.--Acabador.

P.--¿De qué?

R.--D'a nosa pacencia e d'os nosos cartos.

P.--¿Como foi concebido o Sacretario?

R.--Obrando o Alcalde y-o Cacique contra-natura e milagreiramente.

P.--¿Por qué dicides contra-natura e milagreiramente?

R.--Porque o Sacretario non foi concebido nin naceu com'os demáis homes.

P.--¿Pois como s'obrou o misterio d'a conceucion d'o Sacretario?

R.--N-a mala idea d'o señor Alcalde meteu o cacique o pensamento de que pr'acabar c'o país era perciso un home de sangue moura, malas entranas e piores feitos; por un sopro d'o demo saliu un corpo com'o deseaban, uníronlle un alma atravesada, firmaron o nombramento, y-o que dinantes era solamentres home quedou feito Sacretario.

P.--¿E cómo naceu milagreiramente?

R.--Saindo d'a cabeza d'o Alcalde sin detrimento d'a sua brutalidá, á maneira que sai un preso d'a Cárce-Modelo sin romper reixas nin portas.

P.--¿Por qué quixo ser Sacretario?

R.--Pra facer a vida d'o labrego un inferno.

P.--¿Qué entendedes por inferno?

R.--A aldea en que viven os labregos.

P.--¿Pois cantos infernos hay?

R.--O inferno d'os que pagan trabucos e rendas, e non teñen pan que levar â boca; o purgatorio d'os que van ô servicio d'o rey, vendo quedar os fillos d'os ricos n-a sua casa; o limbo d'os nenos onde s'alcontran os que fan o aprendizaxe de labregos, descalzos de pé e perna, esfarrapados, acoradiños de fame, arrecadand'o gando n-a chousa, y-a leña n-o monte e sin ver xiquera unha letra d'a cartilla d'os Cristos; y-o limbo d'os xustos, onde viven os alpabardas que cren n-as padricaciós d'os políticos, n-as palabras d'os diputados, n-a proteucion d'o Goberno, en que han de sair campantes d'os seus atolladeiros sin untar o carro, y-en que lles han de facer xusticia tendo solasmentres razon: xente a mais filiz de todas porque cree qu'abonda traballar pra comer.

P.--¿Qué cousa é estar sentado â direita d'o señor Alcalde?

R.--Ter cuasementes o seu anaquiño de mando, poder turrar d'a corda pr'os amigos, facer toda caste de falcatruas ôs contrarios, remexer n-as trecolas d'o Concello, e sacarlle sustancia á todol-os nagocios que lle pasan pol-a mau.

P.--¿Qué creedes cando decides que hay Concello?

R.--Que hay alí unha dúcia de lampantís d'os que non se pode agardar nada bó: xente que cando se xunta non pensa mais que en espremernos o xugo, en sacarnos os cartos d'os consumos y-os fillos pr'a guerra; en facernos traballar por prestacion n-os camiños que van direitos âs suas casas; en quitarnos o voto e darnos a cédula persoal; esprítos malinos que lle fan mal de ollo âs pitas d'o noso corral y ôs porcos d'o noso cortello; que cando s'axuntan é o mesmo que si s'escornaran duas nubes de pedrisco sobr'os nosos eidos, e cando se soparan e pasan por diante de nos hay que facerlles a cruz com'ô demo e sacarlles a monteira com'ôs fidalgos.

P.--¿Ademáis d'o que levades dito, creedes outras cousas?

R.--Sí padre, porque tod'o que se dí d'esa xentiña é pouco.

P.--¿Qué cousas son esas?

R.--Eso non m'o preguntedes á min que non podrei contestalo por mor d'a curia que, com'o zorro e'as galiñas, ándanos ganando as voltas pra poñernos â sombra.

M.--Facendes ben en calarvos, porqu'en boca pecha non entran moscas, y-ô bó calar chámanlle labrego.

SEGUNDA PARTE
EN QUE SE DECRARA O QUE S'HA DE PIDIR.

Xa vimos como sabedes o que se ha de creer: veñámos ô segundo qu'é o que s'ha de pidir. D'as oraciós qoe rezades cal é a que mais vos gusta?

R.--O Padre nuestro.

P.--¿Por qué?

R.--Porque ten sete peticiós, que son poucas pra nosoutros, pois temos moito que pidir.

P.--¿Cales son?

R.--A primeira é: Santificado sea o teu nome.

P.--¿Qué pidides n-esa peticion?

R.--Que lauden á Dios, o mesmo que nosoutros, aqueles que solo s'acordan d'él cando fan á carantoña, e pasan a vida facéndonos falcatruas.

P.--¿Cal é a segunda?

R.--Veña á nos o teu reino.

P.--¿Quén pide eso?

R.--Aqueles que se dormen n-as pallas mentras nosoutros adoecemos á traballar; os que fan política n-as aldeas pra encher o bandullo; os que maxinan que todal-as cousas d'o mundo se fixeron pra eles e arrapañan c'o seu e c'o d'os veciños; os que pra vivir agardan que lles cayan n-o papo pás cocidos d'o ceo; y-os que sin traballar nin teren rentas viven fidalgamente.

P.--¿E vosoutros pedides o mesmo?

R.--Nosoutros pedimos o reino de Dios porque o d'este mundo anda en maus de catro galafates.

P.--¿Cal é a terceira?

R.--Fágase á tua vontade así n-a terra como n-o ceo.

P.--¿Qué pidides ahí?

R.--Pidimos que Dios veña á gobernar este cotarro qu'anda levado d'o demo.

P.--¿Cal é a coarta?

R.--O pan noso de cada dia dánolo hoxe.

P.--¿Qué pidides n-esa piticion?

R.--¡E vosté non-o vé santiño! Pidimos pan pra levar â boca, xa que pra nosoutros ou anda pol-as nubes, ou está pechado con cerrollo n-as tullas d'os vinculeiros. Pidimos algo que comer xa que traballamos como negros. Pidimos pan pra manter os fillos que nol-o piden en coiro e co-as manciñas direitas. E non é moito pidir pan, xa que o compango é pr'os que poden.

P.--¿Cal é a quinta?

R.--Perdónanos nosas deudas así como nosoutros perdoamos ôs nosos deudores.

P.--¿Qué pidides ahí?

R.--O que non-os han dar nunca: pois inda ben non lle debemos un peso á calquera xa temos o ministro â porta co-a demanda. Os nosos deudores ben perdoados están porque ninguen nos debe nin un chavo.

P.--¿Cal é a sesta?

R.--Non-os deixes cair n-a tentacion.

P.--¿E co-eso qué pidides?

R.--Que Dios nos teña d'a sua mau e que nos coute ben, porque tanto mallan en nós, e tales cousas nos fan, e tan amoladiños andamos, que si nos deixamos levar pol-o xénio e caimos n-unha mala tentacion, o dia que menos se pense non quedan nin os ratos n-Alcaldía.

P.--¿Cal é a séutima?

R.--Mais líbranos de mal.

P.--¿E n-eso que pidides?

R.--Que nos quite Dios d'entre as uñas d'esta xentiña que non fai nada que pra ben sea.

P.--¿Qué quere dicir a palabra Amen?

R.--É unha cousa que os que mandan nos fan dicir á todo.

P.--Cando dicides ¡Ave-Maria! con quén falades?

R.--C'o repartidor de consumos cando nos dí a cota que se nos impuxo; c'o veciño que nos ven pidir unha peseta emprestada pra sair d'un apuro; c'o Alcalde que nos aconsella que votemos o candidato d'o Goberno pormeténdonos montes e moreas; c'o médeco que nos pide mais de dous ferrados de centeo pol-avinza; c'o escribao cando nos notifica a tasa d'as costas d'o últemo preito, e c'o señor Abade que nos dí que debemos aunar n-a Coresma, esquecéndose de que aunamos á traspaso o ano enteiro.

P.--¿Pra qué son os ánxeles?

R.--Pra gardarnos.

P.--¿Logo os labregos tendes ánxeles que vos garden?

R.--Sí padre, pro âs veces parece que se dormen, á xuzgar pol-o desamparo en que nos deixan.

TERCEIRA PARTE
EN QUE SE DECRARA O QUE S'HA D'OBRAR.

Xa vimos o que habedes de creer e pidir; vexamos agora como sabedes o que habedes d'obrar; dicide: ¿Cal é o pirmeiro mandamento?

R.--Amar á Dios sobre todal-as cousas.

P.--¿A qué nos obriga este mandamento?

R.--Á adouralo e creer n-él e non desconfiar por moitos males que nos sucedan, pois xa sabemos que n-este mundo ten que haber de todo, bó e malo; de maneira que si hay raposos que nos leven as galiñas, tamen hay bois que nos axudan á labrar os eidos; si temos lobos que nos coman as ovellas, hay tamen cás que nos garden a facenda; si criamos porcos n-o cortello, non faltan aduanantes que conten por adiantado c'os seus perniles; si temos fillos que dos axuden, non faltan reises qu'os leven pro seu servicio; si dispomos de viño pra quentar o estómago, tamen hay filoxera qu'estraga as viñas. Por eso debemos folgarnos d'o bó, levar con pacencia o malo, e Dios sobre todo.

P.--¿Cal é o segundo?

R.--Nou xurar en vano.

P.--¿Quén peca contra esto?

R.--Os que relaxados pol-as que lles fan xuran e rexuran tomal-a xusticia pol-a mau, queimando palleiros, decotando cepas, arrasando labradíos, botando herba d'os ratos n-os currales d'os vecinos, armándose de moca pra lle meter co-ela as razós n-a cachola ô contrario e facendo outras cativeces d'este xeito; os que por unha poya de pau e tres netos de viño sirven de testigos falsos n-os preitos e n-as causas criminales; os que botan sapos e cobras pol-a boca á calquera contratempo que teñan; os que xuran acabar c'os bês d'o vecino, levados pol-a xeureira; y-os que por botarse de valentes non din tres palabras arreo sin misturar entr'elas unha porcallada.

P.--¿Cómo se xura en falso?

R.--De calquer maneira, porque non hay cousa mais fácele n-o país. Todal-as aldeas contan con picapreitos estrapexantes que poñen escola de testigos falsos, namentras as outras están pechadas. Por unha picallada e sin escrúpulos de concencia botan á presidio á calquer home de ben; por un par de pesetas non falta quen co-a man en cruz xure, que viu pol-os seus ollos, y-así Diol-o salve, voar os burros, vestidos de gardas civís os mosquitos, tirar d'un carro dous porcos e cantar misa unha ovella, ou facer un Alcalde boas obras.

P.--¿Cal é o terceiro?

R.--Santificar as festas.

P.--¿Quén peca contra esto?

R.--Todol-os labregos, porque ainda que oyamos a misa non podemos gardar a festa, pol-a mor de tornar a auga d'os lameiros, d'arrecadar o gando, de dar de comer ôs porcos, de levar o grau ô muiño, e outras angueiras que non teñen agarda.

P.--¿Cal é o coarto?

R.--Honrar pai e nai.

P.--¿E qu'entendedes por eso?

R.--Darlle á nosos pâis a millor vida que podemos, namentras non chegamos á herdalos.

P.--¿Qué mais obrigaciós hay n-este mandamento?

R.--As d'os superiores c'os inferiores y-as d'os pâis c'os fillos.

P.--¿Cómo as cumprides?

R.--Mandand'os fillos â escola pra que non estorben n-a casa cando non temos que lle dar que facer; sacándolle a monteira ôs señores cand'os atopamos n-os camiños e facéndolle a figa por detrás; entrando co-a orella gacha n-a casa d'os que mandan pra sair d'ela botando rayos e centellas.

P.--¿Cál é o quinto?

R.--Non matar.

P.--¿Quén peca contra él?

R.--Nosoutros non señor, pois, por non matar, nin xiquera matamos a fame.

P.--¿Cal é o sesto?

R.--Non fornicar.

P.--¿Quén peca contra este mandamento?

R.--Vellos e mozos todos puxemos n-él as nosas maus. Pecan as mozas churrusqueiras que lle chiscan os ollos ôs mozos n-as romarias; os rapaces que andan de noite ô sarau rondándolle a porta âs nenas; as parexas que se perden entr'os centeos botando de perda o fruto; os que ventando unha muller escarramelan os ollos y-ensinan os dentes com'os burros; os que lle van á facer coxigas as muiñeiras y-as fan bulir mais qu'o rodicio, saindo dempois todos enfariñados; os que apagan o candil n-os fiadeiros pr'andar as apalpadelas; os que véndos' entre mulleres non poden ter as maus quedas, os que bailan o agarradiño n-os turreiros pra s'agarraren sin bailar n-as carballeiras; os que dando palabras de casamento non fan mais qu'as obras; os que ô volver d'as festas acompañados non chegan hastra media noite â casa; e pra dicilo d'unha vez todol-os que gastan calzós e monteira ou dengu'e muradana.

P.--¿Cal é o séutimo?

R.--Non furtar.

P.--¿Quén peca contra este mandamento?

R.--Os que non contentándose c'o que Dios lles dou precuran apanar o alleo; os que andan co-as maus n-o pote d'o persupuesto; os d'a curia que fan letras coma garabanzos porque cobran por pregos os seus dereitos; os xastres que nos piden unha vara de pano pra facer unha monteira; os que se gobernan desgobernando; os médecos que con unturas d'ouro inutilízannos os fillos pr'o servicio d'o rei; os tendeiros que pesan co-a romana d'o demo, a miden c'unha vara pol-o xeito d'a d'a xusticia; os empregados que non teñen tempo pra despachar os nosos asuntos porque todo él lles é pouco pra fumar cigarros e falar mal d'o Goberno; os que nos espremen o xugo finxindo que nos protexen; os que non-os fan ningun servicio non andando diñeiro por diante; os usureiros qu' encabalan os rédetos; y-outros moitos que fora largo contar, porque o mundo está cheo de gatos que andan sempre á caza d'os probes ratiños d'aldea.

P.--¿Cal é o outavo?

R.--Non levantar falso testimonio nin mintir.

P.--¿Quén peca contra este mandamento?

R.--Os diputados que dín n-o Congreso qu'o país adianta e que o Goberno traballa por millorar a moura sorte d'os labregos; os partidos políticos que aseguran que contan co-as simpatías d'o país; os que casándose con muller rica, fea e vella sosteñen que se casaron namorados; os que á todal-as mozas lle dan palabra de casamento; a muller qu'ôs vinte anos dí, en certos casos, que n-a sua vida outra lle pasou; o Abogado que lle dí á unha litigante que non lle cabe direito e logo resulta o contrario; o Médeco que consultando a ama d'un crego lle dí que non ten cura; o sancristan que pide pr'as Anemas; e todos nosoutros que âs veces esquecemos a verdá.

P.--¿Cal é o noveno?

R.--Non cobizar a muller d'o veciño.

P.--¿E pecades contra ese mandamento?

R.--Segun sea ela, señor.

P.--¿Cal é o décimo?

R.--Non cobizar os bés alleos.

P.--¿Quén peca contra eso?

R.--Todol-os labregos porque non hay un que non poña os ollos n-as leiras d'o vecino.

OS MANDAMENTOS D'A IGRESIA LABREGA SON CINCO.

O primeiro oir como nos aldraxan os que mandan, como quen oye chover.

O segundo mudar de camisa unha vez ô ano, ou denantes si teñen qu'enterralo á un.

O terceiro comulgar con rodas de muiño.

O carto aunar por boas ou por malas.

O quinto pagar por todo e pra todo, e pagalas todas.

P.--¿O primeiro á quen obriga?

R.--A todol-os que teñen algo que perder, pois si nos repoñemos sainos pior a conta.

P.--¿Y-o segundo?

R.--Obríganos á todos anque as veces se nos esqueza o cumprilo.

P.--Vind'ô terceiro ¿cómo se comulga con rodas de muiño?

R.--Vendo como nos quitan a razon en todalas cousas, e tendo que nos conformar c'o que veña; deixándonos engrolar por todol-os baduantes, por non saber que opoñerlles; pagar o sasenta por cento á un usureiro e oirlle dicir que ainda nos axuda; indo á votar âs urnias sabendo qu'é coma si non foramos; e pr'acabar d'unha vez, deixándonos levar pol-o últemo que chega.

P.--¿A quén obriga o coarto mandamento?

R.--A todol-os labregos dendesde que nacen hastra que morren.

P.--¿Por qué?

R.--Porque cando non hay que levar â boca é forzoso o auno; que anque dicen que hay n-o mundo pan d'abondo pra todos, a verdá é que poucas veces chega â nosa boca, y-eso de millo, resésego e ben tasado.

P.--¿Cómo aunan os labregos antes de ter uso de razon?

R.--O mesmo que despois: á traspaso.

P.--¿A quén obriga o quinto mandamento?

R.--Non hay quen s'escape d'él.

P.--¿Con qué pagades por todo?

R.--C'os nosos cartiños e c'o noso lombo.

P.--¿E con que as pagades todas?

R.--C'o noso lombo e c'os nosos cartiños.

P.--¿E que pagades?

R.--Os trabucos y-as falcatruadas que fan outros.

P.--¿Qué son trabucos?

R.--As contribuciós, padre; vostede seica non é d'a terra.

P.--¿E por qué lle chamades trabucos?

R.--Porque é unha cousa que hay que pagar anque un non queira y-anque non teña con qué, pois d'outro xeito embárgannos o pouco que temos; de maneira que nos fan ciscar as cadelas o mesmo que si nos puxesen un trabuco ô peito.

AS OBRAS DE MISERICORDIA SON CATORCE, AS SETE ESPRITUALES Y-AS SETE CORPORALES.

As esprituales son estas:

A primeira ensinar ô que non sabe librarse d'as gayolas qu'á miudo nos arman.

A segunda dar bós consellos ôs qu'están pra cair.

A terceira correxir ôs que non ven por onde camiñan.

A coarta perdoar as inxurias hastra que un poida facer o seu xenio.

A quinta consolar âs mulleres d'os qu'emigran pr'as Amérecas.

A sesta sofrir con pacencia, namentras non haxa outro remedio, as fraquezas e malas ideas d'os que mandan.

A séutima rogar á Dios pol-os nosos alcaldes difuntos.

As corporales son estas:

A primeira visitar as bodegas d'os veciños.

A segunda ensinarlle o camíño d'a taberna ôs que teñen fame, e deixarse ir si convidan.

A terceira ensinarllo o camiño d'a fonte ôs que teñen sede.

A coarta redimirnos cando chegue o caso.

A quinta mandar ô xastre os que non teñen cirigolas.

A sesta dar pousada ô pelegrino sí ten con que pagar.

A séutima levantar mortos.

CARTA PARTE
EN QUE SE DECRARAN OS SACRAMENTOS QUE SE HAN DE RECIBIR.

Xa vimos como sabedes o que habedes de creer, pidir e obrar; vexamos como sabedes o que habedes de recibir, qu'é o derradeiro: decide os sacramentos.

OS SACRAMENTOS D'A IGRESIA LABREGA SON SETE.

O primeiro, Bautismo.

O segundo, Confirmacion.

O terceiro, Penitencia.

O carto, Comunion.

O quinto, Extrema Uncion.

O sesto, Orden.

O sétimo, Matrimonio.

P.--¿Pra que é o Bautismo?

R.--Pra hos facer cristianos anque logo nos traten como mouros, e pra que teñamos un nome c'o que se nos coneza n-os recibos d'a contribucion, n-as listas d'o sorteo de quintas, n-as citaciós á xuicio e n-outros documentiños por este xeito.

P.--¿Pra que é a Confirmacion?

R.--Pra que non botemos de perda o noso nome e pra que, co-a lufiada que nos dan n-a cara ô confirmarnos, nos vayamos afacendo âs que mais adiante nos han de dar n-o lombo.

P.--¿Pra que é a Penitencia?

R.--Pra purgar os pecados alleos, que os nosos ben purgádol-os temos co-a vida arrastradiña que levamos.

P.--¿Pra que é a Comunion?

R.--Pra que manteñ'as nosas almas xa que os corpos andan famentos, como Dios e nosoutros sabemos.

P.--¿Qué se precisa pra comulgar?

R.--Pr'os que non son labregos estar en aunas dendesd'as doce d'a derradeira noite; nosoutros como sempre temos o estómago valeiro podemos comulgar á calquer hora.

P.--¿Pra que é a Extrema-Uncion?

R.--Pra tres cousas.

P.--¿Cáles son?

R.--A primeira pra quitar os rastros e reliquias d'a mala vida que nos fixeron pasar; a segunda pra dar esforzo â alma contr'as malas tentaciós; a terceira pra dar salú ô corpo si lle conven.

P.--¿Qué sentides cando recibides a Extrema-Uncion?

R.--Unha grande legría porque conecemos que logo nos vamos á quitar d'o lombo a pesada carga d'a vida; algo así como sinte o que pousa un feixe de leña despois de traelo desd'o monte hastr'a casa, ou com'o que pasados doce anos de presidio s'atopa libre. Ò poñerlle á un a Extrema-Uncion acórdase de que s'acabaron pra sempre os dias enteiros de turrar pol-o sacho, de pasar fames negras, d'andar pouco menos qu'en coiros, de pagar a territorial â Facenda, os consumos ô Auntamento, as rendas os señoríos, as costas ôs xuzgados, os fillos ô Rey, os direitos ô Abade, as consultas ô abogado, as visitas ô médeco, as recetas ô boticario, sin contar c'o panadeiro, c'o taberneiro, c'o xastre, c'o zapateiro, e con outros moitos, porque os labregos parés que non viñemos ô mundo mais que pra pagar sempre, e inda que nos chamemos cristianos non deixamos de ser os paganos eternos. Pol-a Extrema-Uncion sabe un que se vai á ver libre d'o Alcalde, d'o Sacretario, d'o Cacique, d'os aduanantes de todal-as crás; sabe que s'acabaron os madrugós y-os traballiños todos; y-ô recibila vé o labrego que logo chega o dia en que despois de tantos anos de fozar n-a terra pra facela producir, vaille á servir de cama onde poida descansar pra sempre, dempois de decirlle ó mundo: «¡ahí queda eso!»

P.--¿Pra que é a Orden?

R.--Pra que algús fillos de labregos cheguen á ser xente.

P.--¿Pra que é o Matrimonio?

R.--Pra nada bó, señor. O matrimonio é unha cousa que facemos, como se fan outras tantas burradas. Ven á ser algo somellante con xunguirse á un carro, e turrar d'él hastra morrer. Cando un non ten pan que meter n-a boca acúrreselle levar pr'a casa unha muller que lle axude á pasar fame, que é como dicir: «tí que non podes lévame âs costas.» Despois veñen os fillos, que non faltan nunca n-os matrimonios labregos, y-estonces si qu'é ela. Hay que mantelos, hay que vestilos, hay que mandalos â escola si cadra, hay que atendelos n-as suas enfermedás, hay en fin que facelos homes. E cando xa empezan a servir pra algo y-axudarnos n-as angueiras d'a casa, lévannos pr'o servicio, e mentras eles van á facerse matar á guerra, e si volven é c'un brazo ou unha perna de menos, nosoutros quedamos vellos e acabadiños sin podernos valer, y-espostos á morrer esquecidos como cas.

P.--¿Tenen que estar en gracia de Dios os que se casan?

R.--Eso din, pro eu coido qu'o que hay que estar é deixados d'a sua mau.

P.--¿Cales son os pecados capitales?

R.--Soberba, avaricia, luxuria, ira, gula, envexa e preguiza.

P.--¿Que ó soberba?

R.--É un verme que se lles mete n-a cabeza ôs que agarran un anaquiño de mando.

P.--¿Que é avaricia?

R.--Unha cuchumíllada que nos dá moito que rascar e que roe, roe, vainos despelexando pouco á pouco.

P.--¿Que é luxuria?

R.--Unha mala fada que nos leva ô matrimonio, com'os bois ô matadeiro.

P.--¿Que é ira?

R.--Unha cousa que si nos deixáramos levar d'ela...

P.--¿Que é gula?

R.--Eso non llo pergunte ôs labregos: as xentes acomodadas lle poderán responder.

P.--¿Que é envexa?

R.--Un aguillon que se nos crava n-a alma cando vemos os bés y-a facenda d'os veciños.

P.--¿Que e preguiza?

R.--Un luxo que non podemos permitirnos òs que traballamos.

OS NEMIGOS D'A ALMA, DE QUE TEMOS QUE FUXIR, SON TRES:

O primeiro, é o mundo.

O segundo, o demo.

O terceiro, a carne.

P.--¿Quen é o mundo?

R.--Todol-os malos homes que comen, viven, trunfan e campan â conta d'o noso traballo.

P.--¿Quen é o demo?

R.--Un coitadino que n-outros tempos foi espantallo d'as xentes, e que agora veu tan á menos que nin xiquera caso lle fan os rapaces d'a escola.

P.--¿Que é a carne?

R.--Unha cousa que din que se come, e que sabe ben, e que manten moito, d'a que temos ouvido falar á miudo, pro que no n-os pasa pol-as gorxas inda que n-os pase pol-as mentes.

AS BENAVENTURANZAS SON OITO:

1.ª Benaventurados os probes, porque serán tratados como bestas d'arrieiro.

2.ª Benaventurados os mansos, porque tod'o mundo mallará n-eles.

3.ª Benaventurados os que choran, porque mamarán.

4.ª Benaventurados os que teñen fame e sede d'a xusticia, porque os fartarán de presidio.

5.ª Benaventurados os misericordiosos, porque os amolarán canto podian.

6.ª Benaventurados os limpos de corazon, porque tamen estarán limpos de faltriqueira.

7.ª Benaventurados os pacíficos, porque todos lles farán a guerra.

8.ª Benaventurados os que padecen persecucion pol-a xusticia, porque ademais de ir â cadea pagarán as costas.

P.--¿Qué dixemos agora?

R.---Oito verdades como oito pás centeos.

P.--Quén son os probes?

R.--Os coitados labregos que non saben o que é un dia de fartura.

P.--¿Quén son os mansos?

R.--Somos tamen nosoutros, porque nos amansan á fungueirazos.

P.--¿Quén son os que choran?

R.--Os que saben pidir a tempo e baixarse á todo o mundo pra lograr o que cobizan.

P.--¿Onde mamarán?

R.--N-a ubre d'o persupuesto.

P.--¿Quén son os que teñen fame e sede de xusticia?

R.--Os que non teñen padriño.

P.--¿Quén son os misericordiosos?

R.--Catro pipiolos, que non saben con quen aran.

P.--¿Quén son os limpos de corazon?

R.--Os que nunca foron nada, nin tiveron xeito d'emporcar as maus.

P.--¿Quén son os pacífecos?

R.--Os bois e nosoutros.

P.--¿Quén son os que padecen persecucion pol-a xusticia?

R.--Os que lle fan a contra ôs que mandan.